Friday 17 de May de 2024

Camariñas presenta a plataforma de venda en liña para as empresas locais


Un total de 36 persoas, representantes do tecido empresarial do municipio, asistiron ao encontro na Casa de Pedra.

Hoxe o Concello de Camariñas presentou na Casa de Pedra a plataforma de venda en liña para as empresas locais, co obxectivo de axudar ao tecido empresarial do municipio a promocionarse, expandirse e aumentar as súas vendas.
Asistiron ao acto un total de 36 persoas de diferentes sectores: comercio, encaixe, hostalaría, servizos deportivos, pastelerías… Alí, tanto a alcaldesa, Sandra Insua; como a concelleira de Cultura, Encaixe e Turismo, Encarna Liñeiro; os ADL do Concello, Emilio González e María Jiménez; e os representantes da plataforma DBARRIO, Pablo Sánchez e Jacobo Santamarina, explicáronlles o funcionamento da ferramenta. DBARRIO é unha plataforma asentada en diferentes concellos, tanto a nivel autonómico como estatal, e permítelle ás empresas crear a súa propia web e tamén instalar unha pasarela de pago cuns custes moi inferiores dos que tería facelo pola súa propia conta, ofrecendo ademais asesoramento e
facilitando a xestión do transporte, para o que farían o contacto cos taxistas ou transportistas locais.
A cota anual establecida é de 50 euros e Sandra Insua destacou que “esta plataforma permitirá potenciar as vendas dos nosos pequenos empresarios a un custo asumible e permitirá que os seus produtos poidan chegar a calquera lugar”. Recordou tamén que “en breve entregaremos 200 euros a cada autónomo que se vira afectado polo Estado de Alarma polo que, se se desexa, pode aproveitarse para financiar a cota desta plataforma.
O Concello habilitou un formulario (https://forms.gle/YjdexeBNF4DXVNSz5) para que se anoten as empresas que desexen vender en liña na plataforma DBarrio. O prazo para enviar as solicitudes remata o 26 de xuño e logo enviarase a listaxe definitiva a DBARRIO para que estes fagan o contacto individualizado con cada autónomo para coñecer as súas necesidades e obxectivos.